O sapo dos meus contos

Por Anxo Dafonte

BUFO BUFO

O sapo común

Coñecido tamén coma sapo europeo e cuxo nome científico é Bufo Bufo, trátase dun dos anfibios máis comúns aínda que difíciles de ver e menos aínda se non os andas a buscar pois acostuma a permanecer oculto durante todo o día saíndo ao pórse o sol cando precisa cazar pra alimentarse, xeralmente de invertebrados.

Éche bastante lento e torpe, o que facilita a súa observación e por suposto, fotografalo. Cando tenta moverse dun xeito máis apresurado faino mediante pequenos saltiños.

Non che é nada tonto e sabe cando está a ser vixiado pero aínda que o susto ante a túa presencia non llo vai quitar ninguén, ao igual que ante calquera ameaza, permanecerá quedo tratando de mimetizarse coa contorna e agardando a que por casualidade non tiveses reparado nel, á espreita da túa reacción. Se consegues que se relaxe e que non se sinta en perigo, conducirate lentamente cara o seu refuxio que normalmente consistirá nun burato aberto por el mesmo no propio terreo.

A min encántame saír a fotografar pola noite porque na súa escuridade e soidade amplifícase cada son e serve moitas veces pra curar prexuizos e medos infundados. Escoitar moverse as herbas baixo os meus pés fixo que pensase en moitos perigos que resultaron ser este simpático amigo.


Protagonista de contos e lendas

É un sr vivo que na nosa cultura sofreu sempre da estigmatización de estar relacionado coa bruxería e co Diaño, así que non podemos presumir os seres humanos de telo tratado dun xeito nin moito menos aceptable e será por iso que sentín moita empatía por el desde o mesmo intre no que notei a súa presenza.

Non son animais moi voluminosos, os machos acostuman acadar os oito centímetros mentres que as femias poden chegar aos trece ou quince centímetros.

O sapo é o protagonista de moitos dos nosos contos infantís pero acontécelle un pouco o que ao lobo, non son moitas as historias que o deixan en bo lugar. A ficción foise cebando inxustamente con eles ao longo da Historia.

Buscando a Bufonidae

Se vos son sincero, o encontro co noso pequeno amigo foi bastante casual pois non estaba a procurar a especie nin moito menos facendo fotografía de fauna cando tiven a grandísima sorte de cruzarme no seu camiño.

Estaba a fotografar un faro na metade da noite e durante unha desas longas exposicións escoitei un ruído ao meu redor. Acendín a lanterna do meu móbil con moito tino pra non estropear a toma que estaba a facer e busquei ata dar coa orixe daquel son.

Non podo chegar nin a imaxinar o susto que levou cando de socato o seu nocturno e escuro mundo encheuse de claridade... abondo coma pra causarlle unha inmerecida molestia.

A miña cámara principal estaba expoñendo sobre trípode nun cadro moi concreto que quería traballar, así que o teléfono móbil volveu ser o meu mellor aliado e grazas a que confío tanto nestos pequenos sensores puiden obter a miña instantánea mentres que o noso amigo Bufo regrasaba á seguridade do seu fogar.

Teño que admitir que este tipo de encontros, lonxe de molestarme, encántanme. Sempre trato de ser moi coidadoso. Se te fixas ben no esquema de iluminación da foto trato de impedir que lle incida directamente nos ollos, pra nada a uso dun xeito frontal. Nunca lle faría unha foto co flash do meu dispositivo móbil. O bon que ten saír a fotografar polas noites é que as lámpadas non son ferramentas que che vaian faltar na túa mochila.

Comentarios

Publicacións populares