A Lei e a Foto de Rúa
Un dos nosos meirandes medos cando saímos á rúa pra recoller intres que implican a xentes que non coñecemos e que nos poidan parecer máis ou menos íntimos é saber a ciencia certa se estamos a infrinxir algunha lei.
Sonche coma un vaqueiro cunha bala e non cunha ametralladora na procura dese intre decisivo". (Fan Ho)
Que nos di a Lei?
Non se pode fotografar ás persoas sen un consentimento.
Así parece desde un primeiro momento, pero imos matizar certos puntos que a pesar de evitar incumprimentos da lexislación deberiamos ter en conta pra exercer o noso traballo de documentación gráfica.
De cando é a Lei e que é o que contempla
Todo o que vou comentar nesta publicación fai referencia á lexislación que coñezo: á española. Teñamos presente que tanto no futuro coma no caso de outros países, os artigos que mencione poderían variar dun xeito notábel.
Antes de continuar convenche coma lector que revises se non existen cambios na lexislación que poderían contradecir ou completar certas opinións ofrecidas aquí por min. Recoméndoche que accedas ó que no BOE (Boletín Oficial do Estado, do Goberno de España) se publica ó respecto. Podes facelo directamente desde aquí onde ademais atoparás os textos orixinais e as súas actualizacións co paso do tempo.
Sobre a captación das imaxes
Unha cuestión de interpretación
Ante o artigo anterior pouco poderemos facer; porén, a partir do punto oitavo vaisenos aportando algo de esperanza ó falarmos de certas excepcións en situacións moi particulares.
Hai que aclarar que no caso de chegar a enfrontarmos a unha demanda, todo quedará finalmente a expensas da interpretación que faga o xuíz que instrúa o caso en particular.
Neste oitavo punto cítansenos algúns supostos onde si que poderiamos fotografar e, entre eles, escenas de interese histórico, cultural ou científico, ante os que poderiamos non estar infrinxindo ningunha lei e, quero insistir na palabra "poderiramos" porque coma dicía, nun último caso sería o xuíz quen decidise.
Imos estudar o que nos dí exactamente o punto 8.2:
Dous. En particular, o dereito á propia imaxe non impedirá:
a) A súa captación, reprodución ou publicación por calquera medio cando se trate de persoas que exerzan un cargo público ou unha profesión de notoriedade ou proxección pública e a imaxe téñase captado durante un acto público ou en lugares abertos ó público.
b) O uso da caricatura de ditas persoas dacordo co uso social.
c) A información gráfica sobre un suceso ou acontecemento público cando a imaxe dunha persoa determiñada apareza coma meramente accesoria.
BOE, Lei Orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ó honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. (Capítulo II, artigo oitavo).
Ven sendo neste artigo no que se basean os xornalistas gráficos pra poder desempeñar o seu traballo. Se nos centramos neste artigo poderemos xa expoñer incluíndo persoas sempre e cando sexan cargos ou personalidades públicas e cando ese intre fotografado sexa pra informar ou documentar unha situación de interese xeral.
Poderemos ademais chegar a fotografar nun acto público a xente anónima mentres non teñan un peso relevante na fotografía, é dicir, que non sexan os protagonistas. Isto é ó que se refire a lei no punto c) cando fala de persoas meramente accesorias.
En resumidas contas, o que o fotógrafo de rúa debe facer é fotografía da rúa e non das persoas, no mesmo momento no que nos centremos nunha persoa a convertemos en obxecto da fotografía e deixará de ser accesoria.
A decisión dos xuíces
Se a meirande parte das persoas que fan fotos non se molestan pola súa formación... por que llo teríamos que esixir ós xuíces?
A persoa designada pra elo debería ter certos coñecementos, sobretodo no que se refire a arte e composición, pra poder comprender mellor os motivos que levaron ó autor a expoñer a fotografía cuestionada.
Pra poder facer unha valoración correcta sobre unha obra fotográfica, a autoridade designada debería ter coñecementos e cultura fotográfica, de pintura, etc. e por suposto, habelos hainos, non quero dicir con isto que ningún xuíz posúa estas capacidades. O que está claro é que non é esixíbel esta preparación e na miña humilde opinión trátase dalgo que debería cambiar.
O consentimento expreso
A ollada podería ser un consentimento... pero en ningún caso vitalicio.
A explicación a isto é ben sinxela. Do mesmo xeito que coa cesión de dereitos de imaxe coas persoas retratadas voluntariamente e, incluso ante contratos asinados, calquera consentimento sobre o uso da imaxe dunha persoa é inmediatamente revogábel.
Polo tanto, calquera persoa que che tivese dado o seu consentimento pódecho retirar en canto se arrepinta delo e ante iso non che hai nada que facer. Chegarás ó xulgado e o xuíz dirache que non importa o consentimento que che dese no seu intre, sexa implícito ou explícito; no momento do xuízo será obvio que xa non gozas del. Por iso, aínda que se trate doutra disciplina totalmente distinta, é moi recomendábel o uso de contratos pra a realización de retratos sen esquecerse especificar mediante cláusulas que contemplen a revogación dos permisos de imaxe de darse o caso, se sería aplicábel algún tipo de compensación.
O xeito de comportarse na rúa
O fotógrafo de rúa non é un delincuente, non está a facer nada malo... dicir o contrario será sempre prexulgar.
Debemos meternos ben na cabeza que non estamos facendo dano a ninguén, pero pra elo, temos primeiro que marcarmos uns límites éticos baseados nuns mínimos de responsabilidade e, sobretodo, moito empatía.
Fotografar a menores de idade
Protexer ós menores de ideade é unha prioridade, non vale ningunha excusa que xustifique o contrario.
Se por algún motivo se dese o caso un día de atoparme cunha escena que si ou si considero que paga a pena ser recollida nunha instantánea, pediría o permiso dos tutores legais do menor que aparecese.
Porén, iso provocaría xa de por si un efecto de coñecemento previo e perderíase a esencia da fotografía de rúa pra entrar xa no terreo do retrato. Pero, no caso de ter que chegar a ese extremo, non esquezas que o seu consentimento por escrito debe de estar asinado por todos e cada un dos titores legais do menor.
As situacións ridículas
Nunca busco nin tiven procurado imaxes que puideran deixar quedar en evidencia a alguén. A empatía cara os demais é absolutamente imprescindíbel nesta disciplina.
Cando retrato a rúa, retrátome a min mesmo.
Que facer se descobren que estás a fotografar
Amólame moito ver fotografías de xente desfavorecida sen ningunha xustificación.
Se alguén se te achega a preguntar polo que fas, simplemente limítate a explicarllo sen medo, non fas nada malo. Comenta a túa visión da imaxe, da escena. Amosa a foto, incluso antes de que cha pidan. Se aínda con esas pídenche que a borres non dubides porque están non seu dereito, elimína-la e punto, sen maiores complicacións. Non paga a pena e a outra persoa sempre rematará por tela razón.
Ningunha fotografía que vaias eliminar será irrepetíbel. Se non a fixeches ti outro fotógrafo a fará. Partendo desa premisa, cres que en verdade paga a pena chegar a un xulgado por elo? Xa terás a oportunidade algún día de expoñer unha escena semellante.
Que facer cando alguén se molesta por unha publicación
Eu prefiro borrar unha fotografía a pensar que alguen se poida sentir molesto ó identificarse con ela. Procuro que a xente desexe aparecer nas miñas imaxes porque iso será o que no remate da miña vida fique aquí de min. E aproveito este inciso pra lembrarche de que se te recoñeces nunha das miñas imaxes podes escribirme a anxodafonte@gmail.com e non tardarei en darche resposta.
O normal sería que cho comunicasen primeiro. Levar unha demanda deste tipo a un xulgado ten un custo elevado e ó igual que ti non poderás coñecer con garantas o resultado, a outra parte tampouco. A túa mellor defensa será precisamente que non che fixese chegar as súas impresións e queixa. O máis probábel é que che obriguen a eliminar a imaxe e retirala dos sitios onde tivese sido publicada e que todo quede aí.
Pero no caso de que alguén che tivese dito que se sinte molesto coa imaxe o máis razoábel será borrala de todos aqueles sitios onde apareza exposta. Unha vez feito iso, é probábel que xa non teña que demandarte, en cuxo caso, obrará ó teu favor o feito de tela retirado asiña xa que existirá unha clara intención de colaboración e acompañando sio cunhas desculpas que deberías ter ofrecido xa no seu intre posibelmente a cousa non vaia a máis. Aquí temos que puntualizar que o descoñecemento e por que non? tamén as ansias dalgún que se cre que por saír nunha foto vaslle pagar unha pensión vitalicia, fai que casos moi concretos tivesen chegado ós xulgados por moita boa vontade que lle poña o fotógrafo.
Con todo, se cho dixeron e por cabezonería queres seguir adiante coa exposición pública da imaxe... prepárate pró peor! As cantidades esixidas polos xulgados son moi importantes e, se o suposto é ise, en parte teralo ben merecido.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixanos aquí a túa opinión, pregunta ou suxestión.