O insoportábel ruído das OM-System


Hai algo que os usuarios de Olympus temos xa moi asumido por mor do noso sensor MFT (Micro Catro Terzos) que debido a ser máis pequeno que un APS-C, FF ou superiores, supoñemos que xenera un ruído tan insoportábel que produce xordera... ímolo ver!

Escollín unha escena escura pero con certo contraste tanto lumínico coma cromático e as fotos que aquí subo son os JPG de saída directa da cámara.

Esta primeira imaxe que ves sobre estas liñas está captada a 42mm de focal, cun diafragma a f/5.6 e cunha sensibilidade nativa de ISO 200 e pra unha correcta exposición obturei a 2,5 segundos. Imos pasar agora a ver outras exposicións da mesma escena.

O encadre non foi cambiado pois usei a cámara sobre trípode pra evitar no posible a trepidación ou o cambio de luz por mor da perspectiva.

Pra poder comparar mellor usei tamén sempre os mesmos parámetros de diafragma e tamén a mesma lonxitude focal, variando só a sensibilidade ISO obxecto deste experimento e a velocidade pra compensar a exposición e que sempre sexa a mesma.

Nesta segunda foto quedou en 1/6 segundos, 42mm, f/5.6 e ISO 3200.

Nesta terceira imaxe subín xa a ISO a 6400, que supostamente inutiliza calquera imaxe captada por unha cámara que use o pequeno sensor da Olympus ou coma agora é, OM-System. Pra obter a mesma exposición tiven que acortar á obturación a 1/13 segundos e, coma dicía, respectei a mesma distancia focal e apertura.

Nesta cuarta toma pasei xa a elexir unha sensibilidade ISO de 12800 non sen antes aclarar que a partir da anterior de 6400, é dicir, desde ISO 8000, estamos xa a falar dunha extensión. Pra obter a mesma exposición das anteriores, a velocidade tiven que cambiala a 1/25 segundos. O resto de parámetros son os mesmos.

Na última imaxe estamos a falar dunha sensibilidade ISO 25600 e velocidade de 1/50 segundos. 

A primeira fotografía foi tomada o 24/01/2022 ás 19:21:07 e a última o 24/01/2022 ás 19:23:06, é dicir, entre unha e outra pasaron só dous minutos.

A cuestión do ruído é no fondo moi subxectivo e cada un sabe e decide onde pon o límite do que considere aceptábel. Persoalmente, a min non me parece molesto ata 6400 e se me apuras, aínda che soporto o de 12800.

E agora ven o mellor. Coma dicía é a saída de cámara pasada ó móbil a través da Wi-Fi coa app nativa de conectividade Olympus, "OI.Share". As imaxes nin están procesadas nin se lles aplicou redución de ruído algunha.

E outra cousa! A cámara que usei foi a que teño, a OM-D Em-10 Mk III, que tampouco é a máis moderna (ésta data do 2017) e o lente que puxen foi o que ven no kit, o Olympus Digital 14-42mm 1:3.5-5.6 EZ ED MSC, na súa versión chamada Pancake.

Como? Pensabas que falaba da gama máis alta da marca? Pois xa ves que non, nin da gama alta nin da máis moderna e avanzada.

Agora ti me dirás se as cámaras de Olympus teñen tanto ruído coma imaxinabas.

Comentarios

Publicacións populares