Coma un río de sangue



Cando temos pouco tempo pra fotar hai que tratar de aproveitalo e gozalo ó máximo. Así foi coma é que chegamos a tentar fotografía nocturna neste lugar que podería non ter nada especial, pero eu son dos que pensa que coma fotógrafos temos ese poder de converter a fealdade en fermosura se así queremos e non precisamente a base de retoques.

Unha nota, igual o título che pode parecer neste intre algo enganoso pero se rematas de ler esta publicación chegarás a entendelo.

O lugar escollido, non planificado (desgrazamente e coma é costume en min) foi a arboreda que ademais fai de merendeiro no miradoiro da base do Monte do Viso (santiago de Compostela) onde podes gozar dunhas boas vistas da Cidade da Cultura, polo menos mentres non medra a arboreda que a algún intelixente gobernante se lle ocorreu plantar entre o mirador e o panorama a observar desde o mesmo. Igual que pasou noutros miradoiros Composteláns dos que igual vos falo algún día, algunha das fotos que conseguín xa desde este lugar, nuns aniños serán xa imposíbeis.

Case estabamos en Lúa Nova e ademais a visibilidade ese día, 30 de xaneiro do 2022 non se agardaba até as sete da mañá. Con todo, non se trataba dunha noite escura de todo, posibelmente por mor á contaminación lumínica producida pola propia Cidade da Cultura e Santiago de Compostela. Cómpre dicir, pra sermos xustos, que tampouco estamos na cidade con máis contaminación lumínica deste país e neste caso penso que temos unha gran sorte. 

Desde ese mesmo lugar quitara estoutra foto, e coma os humanos somos os únicos que caemos na mesma pedra dúas veces pois fun repetir experiencia un pouquiño máis cedo que nese outro día. Na foto da Cidade da Cultura igual pensades que iluminei eu algo, mais non! O primeiro plano foi iluminado polos faros dos vehículos de parellas que viñan pasar un ratiño íntimo e con boas vistas pola noite sen contar con que un toliño cunha cámara fotográfica podía vir facer este tipo de cousas. Facer fotos pola noite? A quen se lle conte!!

Así estaba o pasado 30 de xaneiro a noite! Fixádevos que cara Cidade da Cultura non se vían nin as estrelas por mor da luminosidade e tamén a nubosidade. A foto anterior, o igual ca meirande das que aparecen nesta publicación, foron quitadas co móbil e non foron editadas en ningún momento, só pretenden ser imaxes documentais da sesión.

Así que só quedaba tentar facer algo distinto e ocorréuseme este cadro que coidei podería gañar coas trazas das estrelas que ademais víanse con claridade cara esa orientación que era moito máis escura.

Era unha velada fría e comezamos expoñendo controlando a cámara co móbil unha colocado o trípode e axustada a exposición. Foi iluminar o escenario e logo agardar a que as estrelas pintasen o resto. A seguinte foto quitouma Patty Inostroza co seu móbil e nela pódese ver coma imos controlando a evolución da exposición no móbil que teño situado enriba, mentres aproveitamos pra ver unha peli no móbil de embaixo. Aproveito pra comentarche que me encanta o cine e que se queres que incluamos as nosas opinións sobre películas que vemos, podes dicírnolo a través dos comentarios. 

Na foto do interior do coche podes pensar claramente que teño o frontal acendido, pero non! Velaí! a maxia da iluminación na fotografía nocturna e pinturas de luz. A luz ven dunha lámpada miniMaglite LED situada embaixo e que foi acendida precisamente pra quita-la foto. Ó reflectirse a luz no frontal produce esa sensación de estar acendido. Toma nota disto porque así entenderás coma é que se "acenden" os faros dun vehículo nesta disciplina fotográfica.

Pero volvamos ó noso! Non podía ser tan fermoso todo e pasados vinte minutos de exposición chegou a primeira parella nunha furgoneta. Aí decateime que o control remoto do móbil non é tampouco o mellor sistema pois cando quixen deter a exposición non fun quen... perdeu a conexión xusto no intre que máis a precisaba! E a furgo arruinoume a foto enteira... vinte minutos perdidos nun segundo!




Fíxate na foto anterior, quitada tamén co móbil... Cando a furgoneta chegou e a pesar de que o aparcadoiro é un chisco máis adiante, xusto a uns metros á esquerda do escenario elexido, por algún motivo que non chego a entender, a condutora (falo en feminino porque era unha moza, aínda que daquela eu non o sabía... pero podería ter sido un mozo perfectamente, só quero ser fiel coa verdade e realidade dos feitos) xirou xusto diante da cámara e dirixiuse directa á árbore que eu estaba a fotografar. Non lle debeu gustar moito quedar aí porque entón decidiu cambiar de posición e manobrando cara atrás foi bater coa árbore que queda á dereita do meu suxeito. Aí ficaron... apagaron luces e din por feito que pensaban ficar alí.

Entón, sen cavilar sequera en se na furgoneta podería existir algún perigo cara min, se callar porque xa teño algunha saída nocturna e experiencias semellantes, decidín achegarme a falar con eles.
Aquí teño que deixar claro e advertir que o que eu fixen foi unha temeridade absurda e a desaconsello totalmente pois podería terme metido nunha boa lea e a miña integridade física ou incluso a vida correr un risco innecesario. No fondo sei que tiven moita sorte. Fun un total inconsciente. Non me imitedes, polo menos niso non!

A sorte foi que se trataba dunha parella en busca dun recuncho íntimo e aínda que non chegaron a entender ben que puidese estar a facer fotos en total escuridade, tratei de explicarlles que a min pouco me importaba o que viñeran facer e deixeilles claro que eu non tiña dereito a pedirlles nada, pero que a min facíanme un grandísimo favor se procuraban outro sitio e indiqueilles onde estaba o aparcadoiro, que é moi grande, tranquilo e con moi boas vistas. Non opuxeron e con total amabilidade preguntáronme primeiro se poderían estar xunta miña e aí lles tiven que volver a explicar que non me importaba, pero que bastaba que acendesen unha luz ou o faro dun vehículo pra estragarme media hora de traballo. Incrédulos en parte, foron moi amábeis e remataron indo cara o lugar que eu lles indicaba, non sen antes rasca-los baixos da furgoneta co pedrolo que hai xusto a dereita do meu suxeito, baixo a mesa de merendas.

Adaxio: Pola noite meterse co coche nun lugar escuro e descoñecido pode producir serios danos materiais no teu vehículo independentemente da destreza e experiencia que teñas ó volante.

Con todo, a noite co ir e vir dos vehículos non rematou aí e pronto comezou o baile de parellas obrigándome a deter as exposicións cada dous por tres e case imposibilitando o remate do traballo. Algunha delas cando chegaba ó meu carón freaba abrindo os ollos coma pratos ó atoparse nun lugar afastado e co que contaban con certa intimidade a un tipo vestido de negro, cun frontal na cabeza e un trípode que sostiña unha cámara fotográfica. 


Porén, debo admitir que certos destrozos na exposición déronme unha idea curiosa en parte propiciada por esa sentenza que nos dí que se non podes co teu inimigo o mellor é que te unas a el.

Así foi coma nun primeiro intre ocorréuseme "Ríos de sangue", iluminada en parte coas luces de freado dalgún vehículo. 

Logo, cando cheguei ver a imaxe en grande no meu PC o que pensei podería servirme coma beira do río, o anaquiño de asfalto, ó final terminou por desagradarme e na foto final optei por eliminar esa zona en lugar de coller un programa informático e retocar a imaxe... cousa que se callar un día me paro a facer e se queres animarme a elo tamén mo podes dicir a través dos comentarios.

O que teño claro é que se podo dar co remate da foto na propia cámara, non o farei logo en post-produción pois o resultado final foi o resultado de usar os tiradores básicos proporcionados por calquera ferramenta de revelado dixital. O retoque máis drástico pode ser quizáis a elminación do lixo que aparece á esquerda e que fixen co quitamanchas, pois iso paréceme totalmente lícito e entra dentro dos meus límites á hora de retocar e cambiar cousas... aínda que o vin e sabía que entraba no cadro cando estaba a expoñer e podería usar as miñas mans pra retiralo dalí, non dispoñía de luvas e decidín que non era traballo meu, que esa pequena proporción de imaxe a podería arranxar en post-procesado sen sentir un conflito interno que me producise trauma algún. Podedes ver tamén unhas estrañas iluminacións horizontais que posibelmente foron producidas por unha persoa que pasou cun chaleco reflectinte que penso viña estudar precisamente que era o que pasaba na base do monte porque ó igual que eu vin luces no cumio, que podían vir doutros fotógrafos, eles tamén tiñan que ver as miñas... pero eles quedaban alí mentres eu marchei enseguida do lugar deixándoos facer as súas exposicións con total tranquilidade o resto da noite... peor lles ía ir cos faros dos vehículos, iso asegúrovolo!


E ata aquí a experiencia que vos traio hoxe! Se queredes deixar algún comentario, tendes algunha dúbida ou calquera outra cousa estarei encantado de darvos resposta. E se vos gustan este tipo de publicacións ou queredes coñecer máis datos sobre a exposición, poderemos incluso facer unha nova entrada adicada a explicar como facer este tipo de fotografías.

Graciñas! Unha aperta ;) 

Comentarios

Publicacións populares