Un zume ás Torres Hejduk

 Por Anxo Dafonte


Se vos amoso unha imaxe das Torres Hejduk seguramente a podedes recoñecer rapidamente xa que trátase dunha icona desta contorna que medra co tempo chamada Cidade da Cultura.

A fotografía que hoxe vos traio foi unha das primeiras que capturei coa miña réflex de iniciación e téñolle moito agarimo pois simplemente estaba probando a miña Nikon D3400 e non pensaba en recoller ningún tipo de imaxe aproveitábel e moito menos nocturna.

Ese día a torre luminosa mudaba de cor desde un branco até o vermello máis intenso e nun principio adiqueime a fotografala tentando recoller as dúas cores e pra iso tiven que acostumarme a levar conta mental do tempo entre unha cor e a outra.

Cando me veu á cabeza a idea dunha longa exposición pra captar toda a transición decateime que non levaba comigo o trípode e que podería chegar a ser algo moi complexo. Porén, decidín seguir probando o lente que viña no kit, de focal variábel, o que normalmente dan en mal chamar pisapapeis. Probando a estabilizar apoiandome nuns columpios que daquela había ó carón das torres e fun probando velocidais e movementos co anel de control da distancia focal ata que conseguín recoller o cambio das cores.

Obviamente os datos EXIF non nos amosan o percorrido do lente, por iso a distancia focal non é de moita consideración aínda que vola deixo igual por se vos interesa xusto o punto no que os datos quedaron rexistrados: ISO 100; 36mm; f/6.3; 1,3 segundos. Xa sei que non é unha fotografía perfecta e que seguramente a puidese mellorar motísimo co tempo pero sinceramente, ó final e por moito que me achego a un dos meus lugares favoritos en Compostela, nunca me sentín tentado por facelo por ese afecto que vos contaba antes que lle tiña. Trátase dunha imaxe nocturna pictórica baseada na irradiación e agardo que vos guste.

Se vos gustan este tipo de publicacións non dubidedes en facermo saber a través dos comentarios e iso animarame a seguir adiante, tamén podedes deixar calquera suxestión ou consulta que estaremos, calquera dos membros deste grupo, encantados en responder.


Comentarios

Publicacións populares