A calima que trocou a paisaxe

Por Anxo Dafonte

O Milladoiro (Ames), 15 de marzo do 2022


Unha escena que pode parecer insólita. Galiza cúbrese dunha densa calima procedente da terra nai africana nun acontecemento atmosférico pouco habitual. No que levo de vida non lembro cousa coma esta... e haberá mocidade coma a nosa membro máis nova que isto igual non o viu nunca... pero si lembro algo todavía peor.

Corrubedo (A Coruña), 9 de agosto do 2006


Igual non son as fotos de mellor calidade pero daquela era o que había se temos en conta a data e o que parecía ser unha plácida xornada de praia.

Pero non, o ceo non se tinguía dese xeito nin por calima nin por solpór.


O sol esa tarde atopábase ben alto, pero unha densa capa de fume e cinza escurecía o ceo e lle outorgaba ese aspecto post-apocalíptico.

Así que ben mirado, aínda que molesto, é preferíbel uns días de calima a meses de terrorismo forestal coma o que sofreron os nosos montes durante os incencios do 2006 que eran de procedencia máis humana ca natural. Iso si que fixo dano e hoxe o temos case borrado da memoria.

Aqueles tempos foron horríbeis, o que máis e o que menos ollábamos con terror aquela catástrofe e decatámonos do feble que é a falta de educación e preparación.

De cando en vez cómpre lembrar catástrofes naturais e humanas, porque igual unhas poden ser preditas e evitar certos danos e as outras evitalas ó cento por cento.

Daí a importancia de facerte Cortalumes tal e coma che pediamos neste vídeo publicitario (ollade quen está no minuto 1'19", sóavos ese careto?) 😂😂


Lembrando estas imaxes só penso e desexo que NUNCA MÁIS!

O mesmo que sinto cada vez que vexo lume e bombas tanto sexa na Ucraína, coma en Siria, Afganistán ou onde sexa! Iso non o merecen nin na Rusia porque os culpábeis teñen nome e apelidos e non se chama precisamente Pobo Ruso. Os ceos ucraínos están tamén tinguidos de fume e sangue. Para xa Putin do carallo! Para xa! Aprende dunha Putin vez dos erros dos nosos pais!

Coido que ás veces cómpre lembrar as desgrazas pra non caeres na tentación de repetilas, aínda que o ser humano tende moito a elo e a bater na mesma pedra varias veces... sobretodo se és un tolo con ansias de poder.

E ti? Viviche-los lumes do 2006? Coma é que os lembras? Podes deixarme as túas impresións nos comentarios e dese xeito abrimos debate sobre esa catástrofe.

Comentarios

Publicacións populares