Casualidades ou intuición

Por Anxo Dafonte


Na rúa haiche moitas variábeis que co tempo imos interiorizando. Pra min é moi importante chegar a coñecer ben a contorna pois iso axuda a facilitar certas composicións e atopar dun xeito máis sinxelo as coincidencias de cores ou calquera cousa que pode supoñer certa sorpresa ante un lugar no que estamos cansos de visitar.

Pero tamén temos que saber que moitos fotógrafos tiran do retoque pra acadar certas concordancias por software e pode facer que o espectador non crea na existencia de tal cando observa unha foto procesada de máis coma esta que vos traio hoxe. 

Aclarar que o que vos comparto debaixo destas liñas e ata novo aviso son as imaxes pasadas directamente da cámara ó meu móbil, sen ningún outro procesado co que fago na miña cámara pra obter saídas tanto en formato RAW coma JPG. Por iso igual máis adiante, cando lle faga un revelado a algunha (pois están en repouso) esa resultado podería variar.

A tarde púxose marabillosa e coma Patty nos conta na súa publicación Solpor de Entroido en Raxoi estabamos a fixarmos nun espectacular contraste no ceo do que poucos parecían decatarse pois acababa de caer unha importante chuvieira e a xente andaba aínda con paraugas.

Porén, tras Raxoi estábase a formar algo que os que o descubrían eran aqueles que nos vían mirar cara alí... por certo... teño que atopar un paraugas de cabeza pero meirande co desta señora porque pode ser un perfecto mans ceibes pra fotar na rúa chovendo e sen selado na cámara. Tamén aclarar que aínda que vos poida parecer que o ceo quedou queimado, xusto dese lado tiñamos o sol e eu sabía que cun sinxelo procesado podería solucionalo... velaí o que fixen de entrada:

A que cambia o conto? Pero iso non se consegue se en cámara non deixas un bo arquivo co que logo traballar... a non ser que te metas xa na ilustración dixital que a min non me disgusta e non son inimigo aínda que non a practique... 🤔  pero pode que o día que me poña a elo quede enganchado... non digo que non!

Pero volvendo á foto principal, o certo é que estaba a compoñer cara esta zona fixándome nas cálidas lámpadas e no ben que quedaban con ese solpor. Pero logo de traballar un ratiño aí revireime pra seguir coa escalinata e a Fachada do Obradoiro pois tamén había unha lámpada interesante.

Faltábame un ceo con esa potencia que tiña no outro lado pero aínda así gústame este tipo de fotos con xente facéndose fotos que é algo típico dese lugar e a parella que baixaba de azul coincidía en cor co ceo. Por certo, sabedes que está fotando baixo a farola? Si, Patty 😂😂 Aí vemo-lo tras das cámaras da súa publicación 😂😂

Outra anécdota, porque na rúa sempre hai, é que a parella de azul fixouse na miña Olympus prateada (porque en prata chama a atención) e parouse a falar comigo porque lle pareceu unha cámara antiga, clásica... se me chegan ver coa Zenit 122 non che digo nada!! 😂😃

Bon... imos rematando ou se nos fai de noite 😬😉

O caso foi que por sorte, porque a sorte tamén inflúe, pasou un home facendo deporte... coma min 😂😂 e cheguei a decatarme xusto a tempo da coincidencia de cores da cazadora co que andaba a buscar. Que mala sorte que non o pillara cara o outro lado tamén! 

Foi unha foto que me apeteceu procesar dun xeito distinto e moi inmediato collendo o arquivo JPG pasado directamente da cámara e importándoo en Snapseed, unha app de Google totalmente gratuíta pra retoque fotográfico que tendes dispoñíbel tanto para Android coma para iOS e coa que fixen esta imaxe que non me disgusta aínda que se alonxa un pouco do meu fluxo de traballo procesando en Lightroom. Con todo, de cando en vez tamén hai que saír do rutineiro pra non perder ese puntiño de diversión.

Aínda que non me disgusta o cadro, xa postos a saíres do cotiá, por que non tamén do formato? Porque ás veces vivimos coma prisioneiros dos formatos que nos impoñen os fabricantes das nosas cámaras. Así que tamén apeteceume reencadrar.

Quizás co tempo a edición desta foto cambie, pero polo de agora a min non me disgusta.

E a ti que che parece? Gustouche ou non? Apetéceche que che siga contando o que hai detrás das fotos que fago. Podes comentar o que che apeteza que con gusto che respostarei.

Comentarios

Publicacións populares