O destino dunha foto con FreePrints

Por Anxo Dafonte

Hai unhas semanas, o amigo Gonzalo Lozano (que xa sabedes que é o responsábel dun Podcast con fantásticas entrevistas chamado Fotógrafo Aprendiz que tamén podes atopar en YouTube) faloume dunha app que usa pra imprimir fotos dun xeito habitual e que decidín finalmente probar porque o sistema sorprendeume e pareceume tamén moi atractivo. O venres 25 recibín as miñas primeiras copias e hoxe cóntoche coma é que me foi.

Pra facerlle xustiza prégoche remates de ler a publicación antes de prexulgar a calidade da impresión polas imaxes que che vou amosando porque fixen unha pequena trampa que vai quedar destapada ó final e ademais ten un motivo que tamén coñecerás se te-la paciencia de rematala, ademais dun pequeno agasallo. 

FreePrints, a app de impresión que lle devolve o destino final á fotografía dixital.

Sexamos sinceros! Desde a chegada da fotografía dixital e o aumento de calidade das cámaras de teléfonos móbiles quitamos moitas fotos e a meirande parte delas morren esquecidas no disco duro sen cumplir o seu ciclo vital.

Eu son un convencido de que o destino final dunha fotografía é o papel. Ese ciclo do que falo non remata até o intre da impresión.

O que pasa tamén é que pra que saia rendíbel haise que xuntar cun mínimo de 100 a 500 fotos e iso fai que as vaiamos acumulando e logo a edición tampouco é que apeteza moito.

Que che parecería imprimir 45 fotos ó mes a tamaño 10x15cm (2:3) por uns 7€? E sen desprazamentos!

Pois iso é FreePrints, unha app para Android desde a que pedir as túas fotos que recibirás por correo ordinario pagando simplemente os gastos de envío que prometen non pasar de 6,99€ desde un mínimo de 1,99€. Por elo podes pedir 45 fotos de balde ó mes cun máximo anual de 500.

Cando cambias o tamaño de impresión, solicitas algún servizo extra ou calquera outra cousa que modifique a impresión fóra de elexir brillo ou mate (eu prefiro mate, por certo) págase a maiores. Pero non sei ti, eu por 6,99€ non atopei tenda que me imprima 45 fotos.

E que tal de calidade? 

Bon, dicirche que FreePrints, no mesmo intre no que te rexistras na app, agasállache con 10 fotos sen ter que pagar nin os gastos de envío. Así foi coma a probei eu, pra comprobar calidade antes de gastar os cartos e tamén descubrín que sen desconto, se pido 10 fotos (sempre que non consumise o cupo de balde), pagaría 1,99€ que era o que marcaría a factura por este pedido en concreto.

Eu tamén quixen probar ó mesmo tempo a app de impresión de álbum fotográfico que é iso que vedes ó carón das fotos e que coma agasallo de benvida danche a opción de facelo en tapa dura en lugar de branda. O sistema de álbum é o mesmo, tes 1 álbum ó mes de balde pagando 7,99€ en concepto de gastos de envío. O tamaño do álbum de balde é de 15x20cm e a min pareceume interesante probalo tamén. Fixen un pequeno vídeo pra que se poida ver:




Nas fotos estiveches ollando distinta cor fronte ó álbum e uns marcos estraños... todo ten unha explicación. Pra imprimir a 10x15cm convén ter preparadas as imaxes nunha proporción 2:3 e eu adoito usar o formato 4:5 e coma era unha proba, simplemente mandei as mesmas fotos que enviara a Instagram pra saber como é que se comportaban no caso de que imprimas unha foto feita co móbil, que tranquilamente pode ser o teu caso! E por iso antes amoseiche tamén un móbil pra que compares o resultado da mesma foto na pantalla e no papel dun arquivo JPEG configurado con saída pra pantalla, tal e como sairía de non facer absolutamente nada máis ca enviar desde o móbil a túa foto.

Porén, co álbum xa enviei as fotos pensadas e cunha saída configurada prá impresión e por iso notades esa diferenza. Tamén dicir que podes crear mesturas e imprimir máis dunha foto por páxina. Maquetar e crear o teu álbum é realmente sinxelo e intuitivo.

Polo tanto, a calidade é igual que cando levas o teu arquivo a calquera outra tenda que se atope dentro da media de calidade chamémoslle aceptábel, e a impresión faise en papel Fujifilm. Así que a relación calidade/prezo é do máis competitivo. Date conta que estamos a falar de impresións a 10x15cm. Eu sinceramente quedei satisfeito coa proba e penso seguir imprimindo. Aínda que aclaro que pra outros traballos, coma grandes formatos ou papeis especiais, teño outros proveedores cos que sempre fico moi satisfeito pero non poden ofrecerme este prezo neste tipo de impresións e con respecto ás calidades, nese tamaño apenas vas nota-la diferenza.

E canto tardan?

Pra que te fagas unha idea dos tempos de entrega dígoche que fixen ambos pedidos o día 16 de marzo e a pesar das folgas de transporte e de que veñen desde Alemaña, tiña as miñas copias o venres 25 de marzo... porque si, veñen desde Alemaña! líches ben.

Antes de encargar, estiven a ler opinións de usuarios. Parece ser que a algúns se lles retrasou ou pode que incluso se lles perdese o envío (cousa que acontece tamén nas mellores familias) pero tamén lin que non teñen problema en volver a enviar, así que o servizo de atención ó cliente non parece malo e de feito escríbenche en español. Eu cheguei a pensar que a impresión e envíos facíanse desde España. Con todo, en canto atención ó cliente, de ter algún inconveniente cho farei saber igual que che fago partícipe disto.

O de pedir esas copias con marco en lugar de aproveitar o tamaño completo do 10x15cm foi por isto: tiña un marco que encher cun tamaño especial e pra nada estándar, así que ía ter que usa-lo cortador e deste xeito non afectaba á composición, pois a ollo de bon cubeiro calculei que quitando os marcos acertaría co tamaño e xa ves que foi xustiño... tanto que aínda tiven que lamberlle un milímetro no lado curto.

Velaí o resultado do experimento:

Conclusións:

45 fotos impresas ó mes (que non obrigan a facer pedido, non hai compromiso) sae nun máximo de 6,99€. Isto fai que o ciclo da foto se peche e que teñas as túas lembranzas en papel tal e coma facïamos antes, enchendo latas de galletas. Isto, por outra banda, obrígache a escoller ou editar que dicimos no noso argot, xa que non é un número nin excesivo nin curto tampouco. Semellante a levar coma antes dous carretes de fotos ó mes.

E agora o agasallo que vos comentaba.

Vaia por diante que esta publicación non está patrocinada nin ten afiliación a esa aplicación nin relación ningunha con esa empresa, familiares ou contactos. Pero dicir que esta xente premia o feito de invitar ós coñecidos e amigos a formar parte da carteira de clientes a través dun código. No meu caso, o código de promoción é: fbfp99z7030 Isto quere dicir que se entras por vez primeira con este código obterás 5 fotos máis de balde pra ti e outras 5 pra min. Logo ti poderás tamén usar o teu código de invitación pra seguir gañando privilexios. É dicir, que uses o meu código vai ser un beneficio pra ambos e non supón ningún gasto nin nada que che afecte negativamente.

Este bono expira en 6 meses, polo tanto poderás usalo até setembro deste 2022 se non os esgotaron antes, pois están limitados a 17 usos se non entendín mal, e se pensas que a miña publicación che serviu dalgo e apetéceche recompensarme por elo, levando ti tamén o mesmo premio, agradecido che quedo, porque a min encántame gozar das fotos en papel.

Grazas pola visita e por aguantarme de novo e xa sabes que pra calquera aclaración, consulta ou suxestión están os comentarios á túa disposición e eu feliz de respondelos.

Comentarios

Publicacións populares