Unha tarde de fotos na Coruña

Sábado cinco de marzo.

O plan érache ben sinxelo. Pola mañá visitar a exposición de Peter Lindbergh no Porto da Coruña e xa polo serán saíres fotar un pouquiño a ver con que regresabamos á casa. 

A xornada remataría dun xeito espectacular pero coma iso é outra historia que ademais prefiro que primeiro vola conte un amigo co que estivemos, eu hoxe simplemente quero amosarvos as fotiñas que me gustaron da sesión de rúa e os motivos que me levaron a obturar nese intre e non noutro.




Ó saíres da Expo de Lindbergh, unha exposición que recomendo encarecidamente, fomos de papeo pra enche-lo bandullo simplemente porque é xusto e necesario. No restaurante elexido na Rúa Real, xa vin a primeira luz que me chamou a atención atravesando o dourado liquido da cervexa local.




Estas primeiras imaxes, obviamente son de apoio e documentais en exclusividade pra esta publicación, pero non por elo carentes dunha intención. Nesta das cervexas hai un elemento nun punto de ancoraxe que agardo mande unha mensaxe engalanada pola luz, por suposto.




Antes de saíres do local e sen deixar de camiñar aínda tiven tempo a encadrar esta escena que tamén logrou atraparme por esa luz e eses marcos fantásticos... e daquí de novo á rúa.

Agora si! A patir deste punto e agás unha imaxe, amosareivos a miña selección de foto de rúa xa con intención de practicar esta disciplina e tamén que o resto do equipo vise o meu xeito de traballar e poidan sentirse seguros e cómodos facendo este tipo de fotos, imaxes que forman parte do Porfolio "A Coruña 2022".


Comezamos cunha imaxe sen xente pero moi representativa das nosas rúas máis antigas. Un vestixio do nacemento das grandes vilas e desgraciadamente un recuncho usado coma urinario público.

Agochada entre rúas estreitas e andamiaxes de obra, esta rúa sen saída presentaba unhas cores moi chamativas. Abandoada, onde a humidase dos ouriños e da chuvia dan paso ó verdín do musgo. Unha porta con gran presenza ó fondo e unhas interesantes lámpadas que seguramente lle dan un aquel á atmosfera ó caer a noitiña.



Comezamos ó carón da estatua de Pardo Bazán fronte a galería de arte Quiosco Afonso. Alí xa teño aproveitado os chorros de auga pra xogar con Tarzán durante a feira de banda deseñada "Viñetas desde o Atlántico" que amoso no Porfolio "Miscelánea 2014".

Enmarquei un dos chorros baixo a estatua mentres ollaba chegar unha parella da que me chamou ela a atención polo vestir ese azul e amarelo que coincide coas cores da contorna. A combinación caligráfica é moi potente en calquera imaxe e aínda que non ten nada que ver co que ía facer a señora evócanos unha entrada a unha sala de xogos, mensaxe potenciada pola lámpada en forma de bóla que ademais tamén ten unha correlación de cor... pero... e o home? non era unha parella? Pois si! Era unha parella, pero ese día estaba de sorte e puiden ocultalo por completo detrás da estatua pois subiu as escaleiras cun paso lixeiramente máis lento ca súa acompañante. Foi sorte porque de tapar algo a bóla posibelmente descartaría a foto.



O noso paseo continúa xa na zona do porto pois de moito tempo non dispuñamos. Certo é que nas rúas dunha gran cidade coma A Coruña poden acontecer moitas cousas, o paseo marítimo non ía ser menos. Atopar unha Panteira Rosa vestida cunha equipaxe deportiva veume xenial pra amosar a fermosura do día mailo lugar. Equilibra a potencia do maxenta sobre fondo azul esa protección verde da obra do fondo, complementada co vermello e rematada esa parte co amarelo obtendo unha compensación visual perfecta pra tan impactante suxeito.


Se retiramos esa compensación a foto funciona tamén, pero aínda que amoses contorna, o centro de atención non se move. Son fotos distintas e depende moito do que queiras amosar (con ou sen paisaxe). Crédeme se vos digo que cun suxeito tan interesante hai unha folla de contactos moito máis extensa, pero se queredes ver follas de contacto realmente interesantes recoméndovos "Magnum Contact Sheets" (Kristen Lubben, Blume 2016), un interesantísimo libro que non pode faltar na vosa estantería.


No paseo do porto atoparemos xente practicando a pesca por tódolos recunchos. Imaxino que é un xeito de relaxarse e que o faran cunha pretensión meramente deportiva... e non pra comer ou vender... 🤔

O caso é que a este pescador dínlle moitas voltiñas e teño tamén unha folla de contactos meirande da que acostumo pero estas cores son as que realmente me namoraron desta fotiña. Temos os aparellos nun punto ótimo se ancoraxe onde un potente punto vermello fai de fulcro e un par de ambigüidades na pate dereita as considero útiles pra non abrir o cadro e a min, persoalmente, non me molestan nin me quitan o sono.



Pero fotografar a rúa pra min non é buscar só cousas en reflexos sombras, e máis. Sinto a responsabilidade de documentar aquelo que acontece e facelo dun xeito claro. O paseo marítimo está cheo de afeccionados á pesca e unha única foto non lle faría xustiza.



O amarelo e azul é unha combinación de cores marabillosa, é difícil facer algo con elas que non teña certo impacto. Por desgraza, estos días está tristemente de moda e xa están tardando os toliños con soños de emperadores e pintas de miñocas pra parar a barbarie e despropósito que comenzaron.

Unha membro do Club De La Fotografía Callejera de Jota Barros abriu unha proposta no seu perfil de Instagram onde me satisface aportar esta imaxe que a min fíxome sentir Paz e que cumple os requisitos de Azul e Amarelo do cancelo #AZULAMAUCRANIA. Estou a falar de Espe (@if_i_take_photos).



Continuamo-lo percorrido polo Parrote e pra poder aproveitar esa zona con mellores perspectivas decidín observalo desde o alto. Dese xeito puiden primeiro obter una vista con profundidade e o porto ó fondo.

As cores frías axudan non só co contraste tonal, senón tamén coa produndidade e aproveitei as liñas e texturas pra acentuar a mensaxe. Por sorte, atopamos no primeiro plano unha soa persoa que estaba alí pra min pois foi ter esta foto e erguerse de onde estaba tomando asento. Certo que tamén me víu fotografando e igual temeu unha toma máis explícita. O feito de levar camisola vermella tamén lle da un plus á foto e por iso tratei de recoller o verde da herba que medra no chan.



Un pouco máis adiante conseguín esta instantánea dun ciclista ó que vin vir ó lonxe e puiden adeviñar a súa dirección. Antes de chegar tiña o cadro pensado e localizadas esas sombras nas que vexo unha pareidolia cun xesto específico. Quedaba colocar ó ciclista nun lugar onde a composición fose coidada e coma non podía deixar de ollo o cadrado formado no chan que o tiña situado xusto nun punto ótimo de ancoraxe, as oportunidades quedaban limitadas... pero por sorte... todo saíu coma quería. Porque a sorte tamén está presente na rúa.


Xa de volta pola Avenida do Montoto chamoume a atención esta señora pola súa gran presenza. Case é unha silueta e iso permíteme ocultar a súa identidade, ese raio de luz que lle caía no bolso pareceume un agasallo do momento e pra colmo e a pesar do gran número de transeúntes puiden recoller esta fotiña onde só vemos outro peón no lado oposto que ademais de dar profundidade crea unha escala que empodera á señora, o cal era a miña intención. Por que esa señora e non outra? Pois primeiro chamoume a atención a súa vestimenta que quedaba perfectamente integrada coa contorna... e logo, o seu xesto, esa señora nese intre era "A Xefa".


Por desgraza, aquí remata a escolla das fotos que me valen pra amosar pero realmente non podo estar máis feliz porque considero a tarde moi pero que moi produtiva, pois xa pasar de tres fotos pra min é un éxito rotundo.

A foto coa que fecho foi propiciada ó adiantar pola Avenida da Mariña a dúas señoras das cales unha chamoume moito a atención pola súa gran presenza.

Seguín camiñando sen fotar ata que topei ca marquesiña dunha parada de bus bastante suxa e con restos de pegamento e incluso de pósters e publicidades. Só tiven que agardar a que pasaran as mulleres sen erguer a cámara, porque na parada había xente sentada, e podíanse incomodar. Aproveitando que ía acompañado de David e Patty só tiven que "entreterme" a falar con eles ó carón da marquesiña pra fotar xusto desde o outro lado aproveitando o reflexo das árbores que tiña ás costas pra debuxalas sobre a muller con maior presenza e a sucidade do cristal pra dárlle ese toque onírico e "grunge" que dirían algúns máis modernos ca min, pois non temos necesidade de filtros de Instagram ou Snapseed pra elo 😉

E aquí remato con esta crónica da miña tarde fotando rúa pola zona do Parrote na Coruña.

Se quixeras contarme se che gustou algunha foto, sobre o estilo de publicación ou calquera outra cousa que che veña á cabeza podes facelo a través dos comentarios ós que estarei encantado de dar resposta antes ou depois 😄

Agárdote! Unha aperta e moi agradecido pola túa visita.

Comentarios

  1. Vaya vaya, pese a que nos vimos ese día, ¡no habíamos hablado de lo que os había cundido!

    Veo que tuvisteis una salida bastante completa, y eso que no has contado todo lo que aconteció después :p

    Me gusta mucho el trabajo obtenido este día. Seguid así y veréis que las salidas merecen la pena.

    ¡Un abrazo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Cualquier salida merece la pena. Yo la verdad tenía intuición de que algo habría pero me has debido traer suerte porque realmente al final me gustaron más de lo esperado y habitual en una salida, a pesar de estar fotando y comentando lo que hago, porque eso te saca de lo que estás haciendo.

      Yo creo que también estoy acostumbrado a lugares pequeños con pocos habitantes y meterme en una gran ciudad siempre hace que me llamen más rápido la atención las cosas.

      Con lo de la noche aún no me he puesto a revisarlo, algo habrá, porque tiene que haber para contarle al mundo qué cosas sucedieron 😉 y hasta aquí puedo decir.

      Un abrazo, Gonzalo. Gracias por todo.

      Eliminar

Publicar un comentario


Deixanos aquí a túa opinión, pregunta ou suxestión.

Publicacións populares