A experiencia de Anxo coa EM-10 de Olympus e co servizo técnico de OM-System

Por Anxo Dafonte

Un lente de construción feble

Olympus M. ZUIKO DIGITAL 14-42mm EZ ED MSC 1:3.5-5.6 ø37

Este lente é o famoso 'pancake' que ós fotógrafos tanto nos gusta levar na rúa porque non chama nada a atención ó ter a particularidade de encollerse cando está en repouso e estenderse cando lle toca traballar. Deste xeito cando levas a cámara colgada do pescozo non parece ter un lente profesional xa que ocupa máis ou menos un centímetro.

O malo deste lente é que esa función retractil é totalmente automática e electrónica. O non ser mecánico ese funcionamento, corre o risco de avariarse a miúdo.

Lendo sobre este problema que me xurdeu decateime que non son un caso illado senón que se trata dalgo moi común. O malo (e o bo ó mesmo tempo) é que non adoita chegar á expiración da garantía oficial, así que non dubides de ter o mesmo problema en mandalo ó servizo técnico.

O caso aquí é que por moi fermoso e apetecíbel que sexa, ese lente non paga a pena compralo. Adoita mandarse coma 'kit' xunto con algún corpo de cámara pero tamén se pode atopar solto. Se che ven co paquete non hai problema, aproveitao, pero se podes elexir outro, non dubides que calquera dese rango de focais que sexa mecánico vaiche durar moito máis.

Unha cámara de iniciación á altura de moitas avanzadas

Olympus OM-D EM-10 Mk III

Pouco teño que dicir da miña pequena Olympus do que non falen as imaxes que publico de xeito cotiá. Agora ben, OM System a través do seu representante máis visíbel veunos dicir que non pensan continuar ofrecendo esta gama e en parte podo entendelo.

Este equipo de iniciación pode diferenciarse quizáis dun máis avanzado ou profesional da marca no canto que ten guía de uso, esas típicas guías que certas cámaras fotográficas teñen prós fotógrafos afeccionados que acaban de adquirir a súa primeira cámara sen ningún tipo de coñecementos. Coma no resto das marcas, poden acceder a un auténtico cursillo de exposición fotográfica en vivo desde o propio sistema que os vai guiar automatizando a configuración e cunha breve explicación do motivo desas eleccións.

Unha cousa que se lle atribúe negativamente ás cámaras MFT (Micro Catro Tercios polas súas siglas en inglés e a partir de agora nesta publicación M43) é o ruído dixital que xeneran a sensibilidades de ISO altas.

Ben, non o vou discutir pero eu non noto na miña EM-10 que vaia peor ca na Nikon D3400 coa que tamén fotografío a pesares de que esta última dispón xa dun sensor de ISO invariante coma a meirande parte das Nikon e Sony fabricadas a partir do 2017 e que comparten tecnoloxía.

Polo resto, supera con creces a calquera da gama 3000 de Nikon e case podería dicir, tras coñecer como van as da gama 7000 que por aí lle anda en prestacións fotográficas, agás no selado... que coma pouco está ó mesmo nivel das 5000.

Outra cousa que din destas cámaras é que non se poden facer fotografías nocturnas con Vía Láctea, por exemplo. Pois se ben non é tan doado coma con sensores de meirandes tamaños, eu podo dicirvos que cunha OM-D EM-10 Mk III máis un Star Tracker podes facer ata ceo profundo sen ningún problema. Algún virá dicindo que iso é trampa... pode... pero polo que vas gastar mercando unha OM-1 (a máis cara de OM System), os lentes axeitados e un Star Tracker de calidade, non mercas unha cámara Full Frame (coma moito o corpo)... así que ti me dirás.

Recoméndovos pasar polo perfil de Marc Sendra Martorell que fai fotos deste tipo cunha EM-10 Mk II, aínda con máis anos e tecnoloxía máis antiga ca miña... Logo, se vos atrevedes, dicídelle a el que con Olympus non se poden facer Vía Láctea.

En xeral estou moi contento coa miña Olympus, o que boto en falla é a falta de estanqueidade e iso é o único que me fai arrepentir de non ter ido por unha EM-5 en diante, polo resto nada que chiarlle. O que si vos digo é que ó igual que pasa con algunha outra marca coma Sony, a Olympus e agora non creo que iso cambie con OM System, gústalle moito o feito de ser un ecosistema con pouca posibilidade de accesorios compatíbeis, polo menos na gama de iniciación coa que tiven moito problema á hora de atoparlle tubos de extensión e flashes que funcionasen ben coa cámara. Nin con remotos nin lerias! Hai que mirar moi ben o que se lle merca porque non todo vai ir coma pensas. Agora ben, o que funciona, faino ás mil marabillas.

Os fallos que detectei

Coma vos dicía, mercar accesorios compatíbeis non é doado e non sei se debido a iso ou que a zapata do flash deixou de funcionar e tamén de cando en vez perdo conexión co lente tendo que sacala e volvela poñer pra recuperala.

En canto ó lente de kit co que comecei a publicación, pois tamén optei por mandalo ó SAT que está en Coimbra (Portugal) pero por separado, por poder ter unha certa opinión dun servizo que ten moi boa sona e non basearme nunha única experiencia.

Comezo enviando o lente

Na primeira experiencia tiven algún desatino co servizo de mensaxería que me chegou dicir que o paquete fora rexeitado en destino cando aínda non fora enviado desde orixe, tardou uns días en poñerse en camiño e supoño que porque pode ser que repitan códigos de localización. O caso foi que en tres semanas exactas, con festivos polo medio, tiña o lente de volta na casa arranxado e limpo.

O envío da cámara

O que máis medo me daba era a cámara... sinceramente, costoume moito desfacerme dela pero o asunto é que ata deixara de ter visíbel o menú de sincronización de flash e iso non era boa cousa. Tiña que aproveitar o período de garanta.

Así que enviei a Coimbra á cámara e para a miña sorpresa, ó día seguinte estaba no SAT. 

Alí tardou un chisco en volver xa que de novo pasaron 3 semanas desde que a mandei ata que a tiven na casa, pero supoño que reparación foi máis complexa. 

O asunto é que todo reparado, todo de novo funcionando sen problemas e aínda por riba con seis meses máis de garanta ampliada polas reparacións feitas no SAT.

As miñas conclusións sobre o SAT de OM System

Teño que admitir que, sobretodo da primeira volta, estaba un chisco cabreado co tema do envío e moi desconfiado... supoño que iso vai no meu ADN de galeguiño; pero o feito é que o SAT de OM System ten boa sona pero é xusta e merecida.

Preocúpame un chisco o feito de que os equipos estropeen antes de chegado o límite de garanta, pero tamén recoñezo que trátanse de equipos de iniciación e tecnoloxías moi complexas daquela. Falamos de cámaras sen espello e lentes adicados con tecnoloxías anteriores ó 2017 cando todas as marcas estaban en panos menores. Olympus xa daquela ofrecía unhas ferramentas que hoxe son punteiras noutras marcas. Así que nin tan mal.

No meu primeiro cabreo case que tiña decidido continuar con Nikon pero en canto me chegou e volvín coller nas mans á miña pequecha e ver o comportamento tan virtuoso que ten e o ben que podemos levarmos, confío en que as súas eivas vaian solucionándose co tempo e estou seguro que a pesar de seguir fotografando con tecnoloxía que moitos dirían obsoleta, teño unha cámara capaz de cobadarse con calquera de gamas que se din "altas" de moitas marcas que parecen ás veces que son as únicas e inimitábeis.

E isto é o que vos quería contar, en resumo que por norma xeral, enviar calquera equipo ó SAT de OM System pode ter un prazo de devolución dunhas tres semanas e que dito servizo funciona perfectamente e dun xeito admirábel.

Desde aquí o meu agradecemento. O máis probábel é que se un día actualizo o meu equipo sega coa marca e por descontado, vivindo na Galiza, cunha cámara que sexa estanca e que coma vos dicía, xa se pode dispor dela desde a gama EM-5 que hoxe xa se pode atopar por menos de mil euriños.

Comentarios

Publicacións populares