Na procura das ondas transparentes

Por Anxo Dafonte


Hoxe toca ver coma o control e coñecemento da propia ferramenta pode dárche resultados que moitas veces nin agardas. Imos ver como é que unha viaxe improvisada rematou nunha sesión deportiva de surf tamén improvisada e con resultados sorprendentes.

Antes de comezar, quixera saudar e invitarvos a que coñezades ó principal suxeito desta sesión que non é outro co surfista Pipa que é director e profesor de surf na escola que podes atopar na marabillosa praia de Xagó en Asturias. Se queres saber máis deles ou coma contactalos, podes acceder a súa páxina Web XAGÓ SURF ou tamén a través da súa revista online SURFASTUR.




Os datos técnicos

Son dos que opinan que os datos técnicos dunha imaxe non che solucionan gran cousa pois o mesmo autor, a mesma cámara e o mesmo lugar, coma vaias nun día distinto e con distinta luz, vas obter imaxes distintas. Pero desta volta vouvos deixa-los datos pra que vexades coma non se precisa nada á hora de obter aquelo que buscas. Despois dos datos comezamos a comenta-la sesión porque tamén se deron cousas interesantes a ter en conta.

Datos EXIF:

Equipo:

  • Olympus OM-D E-M 10 Mk III (cámara básica, de iniciación).
  • Olympus M. Zuiko Digital 40-150mm 1:4-5.6 ø58 (lente dos kit que levan dous).

Configuración:

  • Sensibilidade: ISO 200 (mínima nativa dese modelo de cámara).

  • Distancia focal: 150mm (a equivalencia do sensor que leva esa cámara que é un M43 ou MFT, é dun 300mm en FF). O duplicador dixital estaba desactivado (podería chegar incluso a convertelo no que equivaldría a un 600mm en FF obtendo uns JPG de tamaño máximo cunha calidade totalmente aceptábel).

  • Apertura do diafragma: f/7.1 (teñamos en conta que existe a mesma equivalencia en formato FF que a multiplicaría por dous, aínda que a luminosidade sexa a mesma; é dicir, nun formato FF equivaldría a un f/14 coa vantaxe que teñen os lentes luminosos e de construción recta).

  • Velocidade: 1/1000" (activando o modo ráfaga e o estabilizador da cámara).

  • Medición: Matricial.

  • Enfoque: Contínuo e con seguemento.

  • Perfil de cor: sRGB (neste caso, ó procurar unha saída en JPG directa pra compartir en RRSS e Web, é preferíbel usar este perfil, se a intención é imprimir o resultado directamente deberiamos usar o AdobeRGB pois o estandar nas tendas de fotografía nas que normalmente imprimimos é ese, sen ter que andar con maiores complicacións).

  • Temperatura de cor: Modo Sol (luz día) modificado pra que quedase a 7000K por mor da compensación A-5 e G+3; é dicir, protexín en 5 puntos as dominantes azuis e en 3 as dominantes verdes).

  • Sen post-procesado nin recortes.

Extras:

Non se usaron extras, é dicir...
  • Non trípode, non monopé.
  • Non filtros.
  • Non flashes.
  • Non modificadores.
  • Non reflectores.


Unha fin de semana especial

O primeiro que vos teño que comentar é que era a primeira vez na miña vida que eu facía fotografías deste deporte e foi dun xeito meramente casual; porén, paseimo fenomenal e agardo ter a oportunidade de repetir. 

A mágoa foi dun equipo máis axeitado pra poder meterme na auga con eles! Pero coma sempre digo, cada quen ten que axusta-lo orzamento que teña e quede dentro das súas posibilidades.

Había tempo que non podiamos coincidir pra saír dar unha volta os membros do equipo DESDE CÁMARA. Durante o verán, non puiden gozar nin dunn sábado, nin dun domingo nin dun festivo libre. Iso é algo que frustra bastante pero no fondo estás a desexar con ansias que chegue ese primeiro sábado pra poder saír pasear en familia e igual fotar nalgo. Así que non o dubidei á hora de chamar a David e convidalo pra pasar ese tempo en familia. Ese era o plan!

Fómonos pola costa, A tarde púxose fermosa. Estaba tan feliz e levaba tanto tempo desexando un día de desconexxión que ata vínme con gañas de estrenarme niso dos directos do Instagram... conectábame e aínda hoxe non sei nin o porqué... faláballe e non sabía nin a quen... pero era porque estaba feliz. Feliz coa viaxe, feliz coa experiencia, feliz coa familia, feliz con David maila súa familia tamén.

O serán estábase a dourar e case no seu remate, ó solpór... colleu unha tonalidade rosada que entre a tonalidade desa hora azul o espectáculo era de trance total... pero en fin... iso pode quedar pra outra publicación, o que aquí vos amoso aconteceu uns minutos antes.


A sorpresa inicial

Nun momento dado, chegamos a unha praia... sen equipo. Tiñámolo na maleta do coche porque non tiñamos outro plan que pasar o anaco que quedaba até o solpór coas crianzas. Pero ó chegar á mar, estoupoume a cabeza... o sol estaba baixo e o ceo era totalmente alaranxado. Na mar había uns surfeiros e a praia estaba ateigada de fotógrafos... que era o que estaba a acontecer?

O caso é que a min dábame igual o que acontecese, eu nada máis chegar ó lugar ollei cara o compi e díxenlle... "quero aproveitar eses surfeiros pra fotar a contraluz e xogar con esta iluminación natural tan marabillosa. Isto que estamos a ver é un agasallo da natureza e non o vou desaproveitar"... e de feito, vinme cunha sesión paisaxística que gustoume bastante.

Desandámo-lo camiño e volvimos ó vehículo pra recoller os nosos equipos, trípodes e flashes incluídos aínda que foron usados xa ó caer a noite pra facer algo de paisaxe.

E así foi coma mentres á dereita dos surfeiros estaba chea de fotógrafos con distintos equipos, meirandes, máis pequechos, trípodes e monopés... nós puxémonos camiñar ante a incredulidade de tódolos fotógrafos que alí estaban congregados e que seguíannos coa ollada espectánte... murmuriando entre eles... Seguro pensaban que daría volta de seguido... que farán esos loucos poñéndose a contraluz? Non van acadar nada de nada.

Camiñamos un bo treito de praia ata que a area rematou e tivemos que camiñar sobre rochas. en canto vin o sitio que me gustaba, senteime sobre elas e incluso apoiei o móbil e nalgunha ocasión púxenme a retransmitir en directo. Quería facer partícipe a alguén que estivese ese día aburrido na casa dun momento que pra mn era marabilloso e moi dourado... tan dourado coma o ceo.



O momento da exposición; estudar a escena, a luz o é todo

Observei a escena. A auga do mar na Galiza non ten cara a Costa da Morte a tonalidade turquesa tan fermosa da que presumen as illas Cíes ou as illas tropicais; porén, bañada por esa dourada luz do atardecer que atravesaba as ondas que deixábanse transparentar un chisquiño, collía unha tonalidade verdosa moi fermosa. Eu só vía iso. Os surfeiros pra min non eran máis cun accesorio, algo que lle daría un plus ás fotografías. Eu só tiña na mente luz e tons.

A miña cámara ten xeito de elexir manualmente os Kelvin, pero cando a configuramos dese xeito tan personalizado, o menú (polo menos no meu modelo) non me permite protexer as tonalidades dominantes. Así que de configurar unha temperatura dun xeito manual que respectase o dourado, a foto ía quedarme totalmente cálida e iso non era o que eu estaba a ollar pois esa calidez do sol dábase só nas zonas claras, na transparencia das ondas cando a luz as atravesaba e no recorte que lles facía ós surfeiros. Con todo, o resto da mar víase azul, moi contrastada e iso era o que me estaba a gustar máis de todo ese escenario.

Así que optei por colocar un dos modos automáticos da miña cámara, concretamento o modo Sol (luz día) porque dese xeito garantíame esa tremenda beleza natural da hora dourada e que ademais correspondía perfectamente co que estabamos a vivir, pero compensei as dominantes pra evitar perde-lo resto de tonalidades e por iso decidín sumarlle 5 puntos á dominante azul e 3 á verde. Así é coma dun xeito moi sinxelo puiden obter ese contraste tonal sen necesidade de traballar logo no procesado por zonas. Así e todo, se o deixase pró procesado o resultado non ía ser o mesmo en ningún caso e de aí a importancia que ten coñecer o manexo destas configuracións na cámara.

O sufista do que xa vos falei na introdución, Pipa, non foi alleo ó que aconteceu e algo debeulle de chama-la atención en nós porque non dubidou en saíres da auga pola zona onde estabamos e achegarse falar un ratiño comigo.

Efectivamente, díxome que sentíase interesado polo que esta a facer e que lle gustaría ve-las imaxes. Advertínlle que deles coma motivo principal tiña poucas imaxes porque en realidade estaba a xogar coa paisaxe sumándolles a eles coma elemento de interese. 

Teño que admitir que quedei parvo cando me espetou: "Cogí un par de olas buenas y sé que tú también"... sego sen entender coma podía intuír iso, pero supoño que a vista e concentración destes deportistas fai que teñan unha percepción de todo o que lles rodea fóra do común.

Sabendo que configurara a miña cámara pra que ademáis do RAW me dese un JPG listo pra exportar a Web e RRSS, co espazo de cor sRGB, tiña claro que ademais podería ofrecerlle inmediatez.

Deume-los parabéns polas fotos en canto as viu e díxome que sabía que coma pouco estaba ante alguén que busca cousas distintas en canto víu que David máis eu erámo-los únicos que se situaran ante esa perspectiva e que foi iso xusto o que lle chamou a atención desque chegamos á praia e viu que nin sequera fixémo-lo amago de probar a ubicación donde habería alo menos unha ducia de fotógrafos.

Foto procesada en Lightroom (edición básica).


O que realmente é importante

Seguramente todos esos fotógrafos quitasen mellores fotos ca min do deporte, porque eu non tiña nin idea de surf e paréceme esencial coñecer un deporte pra saber que é o que buscan os deportistas e agardar eses intres precisos. Pero tamén estou seguro que eles non puideron captar outra cousa que non fose o azul escuro e opaco desas augas. De feito, cheguei ver unha das fotografías na páxina dun concello que claramente estaba modificada con ferramentas de software porque tiña o ceo totalmente laranxa e a mar azul co brillo totalmente azulado, reflectía unha cor que non correspondía co que a imaxe amosaba do ceo. Entendo  que todo iso é lícito e é o que o fotógrafo chegou realmente ver na escena, porque o ceo era alaranxado; pero esa luz, se a tivese recollido de verdade e non posta cun mero click na opción "cambio de ceo" que che dan moitas ferramentas actuais, houbese quedado moito máis natural.

E coma punto de remate quixera  debatir iso de que se non sentamos ante un programa de edición e retoque estamos a deixar que a nosa fotografía sexa editada polo xaponés que programou a nosa cámara. De verdade pensades que estas fotos foron editadas polo xaponés ou polo contrario foi editada por min antes de premer o obturador?

Os programas de edición non están mal, nada mal. Eu cando quero, tamén me poño xogar con eles e de feito, esta última fotografía ten un chisco de post-produción (non así a que o surfeiro chegou publicar nas súas redes sociais pois mandeille-los JPG directos da cámara en canto os descarguei no móbil coa aplicación que trae). 

Os axustes que ten son tan básicos coma ter aumentado os brancos un chisco porque grazas a David que o soupo ver en canto llas amosei, pareceume que quedaba un pouco patente de máis esa tendencia que teño a subexpoñer e quizás deste xeito lle sacase un pouquiño máis de brillo. Velaí a única diferencia que atoparedes.

Comentarios

Publicacións populares