Fotando fogos artificiais

Por Anxo Dafonte


Facer fotos de fogos artificiais é algo doado se coñeces a técnica e sobretodo unha boa oportunidade pra practicar tapados de lente que é o que vai marcar a diferenza entre unhas fotos e as fotos.

O que vistes no vídeo son as fotos que trouxo Patty Inostroza do lanzamento de fogos artificiais de fin de festas do Apóstolo 2022 que tiveron lugar o pasado 31 de xullo ás 23:30h na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).

Antes botábanse desde o Campus Sur, fronte a escalinata de subida ó parque da Alameda, pero sinceramente e a pesar de que moita vaga veciñanza non fai máis que queixarse e pedir que volvan á mesma localización, persoalmente penso que é moito mellor desde onde se botan actualmente. Máis espazo, mellores vistas, etc., pero entendo que non é o mesmo ter que desplazarse a poder gozalos desde o balcón, galería ou fiestra da casa.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Vaia por diante que tratábase da primeira vez que Patty practicaba fotografía de fogos artificiais e se ben pode pensarse que é tan sinxelo coma poñer o modo axeitado, coñecendo a técnica poderemos dominar nós o resultado final e non a sorte.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Coma con todo tipo de fotografías, traballar nun modo Manual proporcionaranos o maior e máis absoluto control do que fagamos. Esa debe ser a primeira opción que temos que elexir antes de comezar. A saída en RAW é absolutamente necesaria pois é probábel que teñamos que procesar logo algunha cousiña coma a subida de sombras ou a baixada de iluminacións pra enfatiza-la imaxe. O cal non deixa nin sae do purismo, por se alguén se decanta por esa elección persoal.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Imos fotografar un ceo nocturno que vai ser iluminado dun xeito artificial por luces xeralmente cálidas. se escollemos unha temperatura de cor pra enfatizar ese contraste é posíbel que academos máis impacto que se deixamos o WB en AUTO e é a máquina quen decide por nós. O que fixo Patty seguindo o meu consello é configurala a 3400 Kelvin.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Pra este tipo de imaxes non vai falla escoller unha sensibilidade ISO alta, cun ISO 100 ou 200 é máis ca suficiente. Eu recomendeille a Patty comezar en 200 e estudar se o trazo é moi groso a sabendas de que lle ía pasar o que confesou que lle acontecera, e no caso de querelo máis fino poder baixar a 100, pero un ISO 200 é un punto de partida co que penso sempre ides atinar... coma xa veredes un pouco máis adiante.

Foto: Patty Inostroza, 2022

A apertura de diafragma ideal é un f/8 prá camara que usou Patty: unha Nikon D3400 (cámara moi básica e de iniciación) que ten un sensor do tipo APS-C. Quere isto dicir que se tendes unha FF podedes ir a un f/11 ou f/12 pra asegurarvos unha boa PDC e ter máis ou menos todo enfocado. No caso de usar unha cámara con sensor M43 podedes comezar en f/5.6 aínda que pola miña experienca con Olympus, persoalmente gústame usar o f/7.1 tanto pra 'lightpainting' coma prós fogos artificiais... pero xa veredes desta volta o que tal me pasou.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Finalmente, quédanos por decidir a velocidade que é onde vai residir a maxia deste tipo de imaxes e onde imos tomar o control de todo o que expoñamos procurando evitar no posíbel o efecto "sorte". Trátase da velocidade BULB que lle di á cámara que desque prememos o botón ata que o soltemos, non deixa de expoñer. Na Nikon D3400 só temos a oportunidade de meterlle un disparador remoto por 'bluetooth' que por sorte non é caro. Non admite nin intervalómetro nin ningunha outra cousa, pero pra este tipo de foto bástanos con ese accesorio. A partir de entón, desque prememos o botón do obturador remoto até que o volvemos premer, a cámara estará expoñendo. Pero, como controlamos o que? Pois cunha tarxeta negra ou coma din os modernis: 'blackcard'. Nós temos fabricadas unhas tarxetas que forramos con cinta illante negra pero tamén vale un anaco de cartulina ou mellor aínda un anaco de Goma EVA, ámbalas dúas negras aínda que esta última seguramente é moito máis mate ca cartulina e polo tanto non arriscamos a ter moita entrada de luz rebotada na propia tarxeta. 

Foto: Patty Inostroza, 2022

Así é coma controlamos o que expón a cámara. Retirámo-la tarxeta cada vez que queremos que rexistre o que acontece e volvemos tapar cando non interese. Deste xeito podemos controlar os fogos e no caso de que se disparen cara ambos lados (cousa que nestes en concreto non aconteceu), podemos incluso enche-lo encadre dun xeito controlado. Se non entendiches a explicación, podes preguntar nos comentarios e aclarámosche o que faga falla.

Foto: Anxo Dafonte, 2022

Con todo, non todo foi coma a seda coma seguramente vos decatastes ó observar a imaxe anterior. Centrado nas explicacións que lle daba a Patty e seguramente afectado por algo que acontecera o día anterior e que penso comentarvos máis adiante, esquecín configurar correctamente a miña Olympus e nada saíu coma quería. Lembrades que vos dixen que Patty confesaríame algo importante? Pois non é nin máis nin menos que o feito de non ter tempo pra revisar as imaxes... pasa todo tan rápido e a pantalla é tan pequena que unha revisión do que estás a facer resta tempo moi valioso e unha vez comezan os fogos todo é frenético e intenso. Nada de revisións! coma se fotases con película. Así que non vin que algo raro acontecía ata que cheguei á casa.

Foto: Anxo Dafonte, 2022

O primeiro erro: o formato de saída! Viña de fotografar só en RAW e o primeiro que quixen configurar é o formato RAW+JPG, pero por algún motivo que aínda non entendo, quedou a cámara configurada en JPG e non me malinterpretedes, non foi un fallo mecánico senón humano. O de fotografar tamén en JPG era unha decisión pra ter unha rápida visualización na computadora dos arquivos finais e poder facer edición rápida e así decidir cal ía ser a que podería logo procesar. Por desgraza, ese erro fai que non se poida logo procesar a imaxe coma merece e prodúcense moitas aberracións e artefactos, sobretodo cando non se trata do único erro da noite.

Foto: Anxo Dafonte, 2022

O segundo erro fatal foi a configuración da ISO... non me preguntedes o motivo, pero cando vin os trazos tan grosos sabía que algo fallaba... a ISO estaba en 800... así que podemos confirmar iso de que "consellos dou que pra min non teño"... imperdoábel! Pero castigo tiven abondo. Ó fotografar en JPG non puiden arranxar moito eses erros pois o arquivo queda moi limitado e a información é a xusta e necesaria pra un resultado final.

Foto: Anxo Dafonte, 2022

Teño claro que de ir so, a concentración no que eu estaba a facer sería máis axustada e posíbelmente non cometera certos erros, pero iso non é excusa, nin moito menos, foi unha sesión totalmente fallida pola miña banda. Con todo, síntome orgulloso, xa que Patty si que puido volver cunha boa sesión e o resultado salta á vista. E sempre que iso pasa, eu fico moi contento. Cando vou acompañado sempre priorizo a foto dos demais, é algo que me mantén a gusto conmigo mesmo e con esta afección. Gústame compartir, gústame ver á xente feliz quitando fotos. Así que eu volvín sen foto pero coa sesión resolta.

As dúas últimas fotos son o JPG que me trouxen e as dúas primeiras son fotos que tratei de procesar a sabendas desa limitación pra ver se algo se podería salvar... pero ningunha vale nada na miña opinión.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Non é normal que os fotógrafos conten os seus erros e fracasos, pero en DESDE CÁMARA as cousas non queremos que sexan normais; en realidade, queremos que sexan NATURAIS e o natural é que non sempre teñas un bo día. Todos cometemos erros e todos volvemos algunha vez cunha machada de campionato que che obriga a chapodar toda unha sesión. Se algunha vez che pasou ou che acontece algún día, que saibas que é normal, non te agobies. Se es afeccionado, pénsao deste xeito: non lle debes nada a ninguén, só a ti mesmo. Laméntate, deixate sentir triste, pero logo respira profundo e pensa que xa está! Doutra volta será. Estas vivo, non si? Pois se non é a morte de ninguén non ten maior importancia. E se fuches acompañado e és unha fotógrafa ou fotógrafo xeneroso, sentirás ledicia polo éxito dos teus compañeiros.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Dos erros vas a aprender moito máis que dos éxitos, sábelo? non si? Pois velaí a filosofía! Esa é a actitude! Os fotógrafos amosan sempre a súa mellor cara e iso fai que os afeccionados moitas veces sinten frustración porque pensan que todo ten que saír ben e que de comenter erros é porque non saben resolver. Por iso gústame contarche tamén as frustracións, penso que é xusto pra ti que estás a agasallarme tanto tempo lendo isto. 

Con esta sesión aprendemos catro cousas moi importantes en fotografía: Primeira, os erros son unha fonte de aprendizaxe. Segunda, o mellor antidepresivo fotográfico é a xenerosidade. Terceira, o estado de ánimo inflúe de xeito exponencial no resultado do teu traballo e na túa creatividade.

E por último, a cuarta cousa e pra min a máis importante de hoxe, é que a técnica é a base pra unha boa fotografía. Podes ter a maior creatividade do mundo, ter unha visión única e fantástica que se non sabes como resolvela tecnicamente non poderás acadar o resultado. Moitos fotógrafos pensan e aseguran que a técnica non é importante, que en primeiro lugar está a composición e ben, se eu; precisamente eu, non lle vou restar importancia á composición, nada do que fagas servirá se non coñeces a técnica pra acadalo. Porque se dicimos que a técnica non importa, calquera cun móbil, cunha cámara en automático, pode facer imaxes impactantes simplemente atendendo a un par de conceptos. A técnica é doada de aprender cun pouco de interese, evitala é síntoma de falta de interese.

Foto: Patty Inostroza, 2022

Vin moitas fotos deses mesmos fogos ó día seguinte nos xornais dixitais e nas redes sociais, e non me tremen os dedos ó asegurar que non vin ningunha coma as que fixo Patty na súa estrea nesta disciplina. A composición é sinxela, a mensaxe tamén... non deixan de ser fogos artificiais, pero a técnica valeulle pra conseguir o que outros non perderon o tempo en facer: elexir que fotografar, cando e como. Porque os fogos que vedes nas súas fotos non aconteceron nun mesmo intre, foinos pintando a medida que destapaba o lente, e por iso son tan agradábeis e sobre todo únicas, pois non van ser nunca iguais que quen obturou unha instantánea "calquera".

Grazas pola atención, por vires unha vez máis e por aturarnos neste recuncho noso. Se tes calquera dúbida, aportación, crítica, comentario, o que ti queiras! non dubides en deixármolo que estaremos encantados por elo e sobretodo moi agradecidos.

Unha aperta e até a seguinte! Queda pendente unha pequena aventura que tivo lugar antes destes fogos... pero iso será outra historia 😉

Comentarios

  1. Gracias por el tutorial Anxo!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas! O mellor de todo isto é precisamente compartir. E compartir os erros tamén axuda ó resto a tratar de non cometelos. Se dar algún consello técnico fai que a outros se lles facilite o momento de expoñer, escribir unha entrada sempre pagará a pena. Saúdos.

      Eliminar

Publicar un comentario


Deixanos aquí a túa opinión, pregunta ou suxestión.

Publicacións populares